`Queremos cuidar tus animales contigo´

martes, 3 de xullo de 2018

CREO QUE O MEU PELUDO TEN UN TUMOR

Qué facer? Qué será ese vulto que lle apareceu?
Pois nin poñernos tremendos nin deixalo estar. Ese vulto pode ser que sexa un tumor ou que sexa algún tipo de inflamación ou de quiste, pero sexa o que sexa, convennos saber que é o que hai.

O certo é que os tumores son frecuentes, sobre todo nos cans. Un de cada 4 cadelos van padecer algún tipo de tumoración, que aparecen sobre todo nas mamas ou na pel, que afortunadamente son lugares nos que os donos nos podemos dar conta.

Certamente unha masa que medra lento, que non parece estar pegada á carne, nin inflamada, nin causar molestias, nin convertirse nunha ferida, pois frecuentemente é benigna, pero todo isto non supón ningunha garantía. O prudente é sempre que a mire o veterinario, e sin esperar a ver que pasa. Porque en moitas ocasións esperar supón permitir que un pequeno problema se convirta nun gran problema.

Temos que ser conscientes de que moitos tipos de tumores son se limitan a facer dano no lugar onde están, senón que provocan reaccións no corpo que afectan á saúde xeral, tales como anemia, debilitamento xeral, alteracións do metabolismo, febre, trastornos do sangue, da pel, nerviosos...

Pode pasar que a exploración sexa suficiente para poder saber qué é ese vulto, pero na maioría das ocasións os veterinarios temos que pinchar as masas para extraer células e observalas no microscopio. Normalmente, así poderemos saber se o que temos é unha inflamación, un quiste, un crecemento anormal non tumoral ou un verdadeiro tumor. E no caso dos tumores, frecuentemente xa poderemos saber de qué tipo de células e se o seu aspecto é máis ou menos suxestivo de malignidade. Esta xa é información suficiente como para poder tomar decisións cabales.

Case sempre que topemos un tumor non inocente e que sexa viable facelo a recomendación vai ser extiparllo.

Certamente a cirurxía non sempre soluciona por completo o problema, pero hai que ter en conta que para cada caso deberemos buscar as ferramentas máis axeitadas. Aínda que se trate dun cancro, hoxe existen moitos recursos que podemos utilizar: ademais das coñecidas quimioterapia e radioterapia, certamente caras e con fama de agresivas (se ben o certo é que os cans adoitan soportalas bastante ben), hoxe temos dispoñibles outras terapias (antianxioxénica, metronómica, inmunoterápica e as chamadas terapias dixiridas) que nos poden axudar a xestionar a doenza e conseguir, cando non a curación, prolongar o tempo con boa calidade de vida do noso gatiño ou canciño.

E un derradeiro apuntamento: os tumores malignos son debilitantes e unha parte clave, fundamental, para que todo vaia o mellor posible, é algo tan sinxelo como... comer ben; en cantidade e calidade!

Ningún comentario:

Publicar un comentario