`Queremos cuidar tus animales contigo´

xoves, 2 de marzo de 2017

Un problema frecuente neste tempo: a otite externa

A otite externa é un problema moi frecuente nos cans, raro nos gatos e moi raro en exóticos. Normalmente veremos o oído sucio, con cheiro notorio, e o animal ladea a cabeza e mostra signos de molestia. O certo é que moitas veces é verdadeiramente dolorosa. 
Unha cousa que temos que ter clara é que cando aparece otite nos dous oídos a un tempo, haberá que investigar se temos algún problema de fondo. Así, na práctica, a causa máis frecuente das otites é a dermatite atópica, pero o certo é que poden favorecela moitos outros motivos, entre eles a propia conformación do animal (orellas moi caídas, condutos con moito pelo), e tamén poden provocala uns parasitos chamados otodectes ou a presenza de corpos estranos. Lembrar pois que unha correcta hixiene auricular pode aforrarnos algún que outro susto.
Por todo isto, cando se presenta unha otite o veterinario vai facer un interrogatorio bastante extenso sobre diferentes aspectos da vida da mascota afectada, ademais de explorar o pavillón auricular e o conduto auditivo. O aspecto da cera é indicativo: cando hai otodectes é escura e densa, as levaduras vólvena marrón-dourada, e algunhas infeccións xeran pus cun aspecto característico; por exemplo, o das temibles pseudomonas é verde-amarelento. Pero en todo caso, o veterinario debe realizar unha citoloxía e observar o aspecto da cera ó microscopio. A presenza de bacterias e células inflamatorias confirma a otite. Non será raro, en caso de infección, que recomendemos facer un cultivo para elixir o antibiótico correcto.
Á hora do tratamento, frecuentemente deberemos actuar tamén sobre o motivo de fondo, ademais de sobre o propio oído. En canto ó oído en si, realizarase unha limpeza previa, que nalgunhas ocasións será un lavado (flushing). O tipo de limpador que usemos pode axudarnos a controlar a otite, incluso en casos de infección: os que levan EDTA aumentan a sensibilidade das bacterias aos antibióticos, e os que reducen o pH crean un entorno desfavorable para as bacterias. Moitas veces tamén usaremos antiinflamatorios. Posteriormente usaremos algún produto para aplicar no oído afectado, e ás veces tamén para tomar ou inxectar.
Nalgunhas otites o conduto auditivo faise estreito, incluso se tapa por completo, e cando isto sucede deberemos medicar con corticoides. Se non é posible abrir un oído con medicamentos, teremos que pensar en operalo. Pero afortunadamente iso non sucede case nunca. Iso si, non é raro que sexan un pouco rebeldes, pero unha otite aguda normalmente remite con 2 semanas de medicación, mentres unha crónica pode precisar 4. Agora, se unha otite chegou a afectar ó oído medio, pode ir a 2 meses de medicación. Por tanto, canto antes actuemos, mellor. E un último consello que non convén esquecer: debemos revisar sempre ao finalizar o tratamento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario