`Queremos cuidar tus animales contigo´

venres, 3 de marzo de 2017

Á miña mascota sentoulle mal unha comida, qué fago?

Cantas veces non pasa que temos a sensación de que comeron algo que lles sentou mal...?
Os gatos normalmente desconfían da comida que non coñecen, pero moitos cans están sempre dispostos a zampar calquera cousa, e despois veñen os vómitos, as molestias na tripa, as diarreas...
Se o noso lambón se pon tristeiro, pode estar realmente pachucho e será mellor que o vexa o veterinario, pero se está basicamente contento, podemos esperar a que a natureza faga o seu traballo. A fin de contas, eses vómitos e esa descomposición son recursos que ten o corpo para intentar solucionar de seu o problema.
Seguro que imos querer (e poderemos) axudar un pouco á natureza, pero con coidado de non facer nada inadecuado.
¿Que podemos facer que sexa útil e prudente nun caso así?
Pois en Veterinario de Poio recomendamos como norma xeral dar un descanso a ese aparato dixestivo. Non dar de comer ese día, incluso 24 horas completas no caso dun can adulto, pode permitir que ese estómago ou ese intestino se baleire e se "resetee". Podemos dar nese medio tempo infusións dixestivas, coma a herbaluísa ou a manzanilla, que moitas mascotas aceptan bastante ben.
Ora ben, se os vómitos non paran, ou se despois de facer isto volven, deberemos acudir a consulta. De igual maneira, se temos a sensación de que hai dolor, non será prudente esperar.
Pero volvamos ós casos leves. Sabemos que hai donos que dan antiacedos de persoas cando cren que o estómago do seu peludo non está moi ben. Os veterinarios recomendámolos con frecuencia cando imos dar un tratamento que pode ser agresivo para o estómago, pero non é moi boa idea dalos "a cegas". Ás veces non axudaremos precisamente a solucionar o problema.
Se a alteración en cuestión é a diarrea, deberemos fixarnos na súa pinta. Se o aspecto e o cheiro son moi anormais, ou se aparece bastante sangue ou moco nesas feces esfurricadas, será mellor traer o bichiño a consultar. E a ser posible, levando unha mostra desas cacas feas. 

Pero para cando se trata de "simples" cacas "brandas", o certo é que hai moitos suplementos nutricionais que axudan a recompoñer o medio interno do intestino para que todo volva á normalidade, que entre outras cousas aportan flora beneficiosa. Iso si, temos que ter en conta que a flora microbiana da súa tripa non é coma a das persoas, e que cousas que a nós nos poden axudar, coma o iogur, a eles facilmente os poden perxudicar. A flora moitas veces será clave para resolver o trastorno, pero ten que ser flora axeitada para a súa especie. E por certo: non se deben dar lácteos, só alimentos que lles sexan doados de dixerir. Existen dietas comerciais excelentes para o manexo de diferentes tipos de problemas gastrointestinais, pero para as diarreas máis suaves pode ser suficiente cunha dieta caseira de arroz cocido cunha carne magra, coma polo, pavo ou coello (...por suposto, sen osos!). E beber esa auga de cocer o arroz tamén pode axudar un pouco máis.
Se usamos estes recursos e non temos unha normalización da tripa en dous ou tres días, pois será mellor facer unha revisión veterinaria.
Tamén existen suplementos que poden axudar cando o funcionamento do páncreas ou do fígado non son correctos, pero neste caso precísase un coñecemento máis profundo do problema, e serán sempre unha recomendación saída dunha consulta en condicións.
Caso distinto é o dos reguladores dixestivos, produtos ideados para axudar no día a día ás tripiñas un pouco rebeldes. Podemos conseguir con eles unha mellor consistencia das cacas, que cheiren menos e que haxa menos flatulencias. Incluso poden ser interesantes para previr problemas dos sacos anais.
O máis usado (e importante) entre os reguladores dixestivos é o xarabe de maltosa: as populares "maltas" para gatos serven para evitar que o pelo inxerido faga bolos e se converta así nun problema para o estómago e o intestino: imprescindibles para calquera gato de pelo longo, interesantes para tódolos gatos e a ter en conta tamén para algúns cans e furóns (aos cales, por certo, lles encanta). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario