`Queremos cuidar tus animales contigo´

martes, 24 de xaneiro de 2017

O meu cachorro ten un sopro, ¿debo preocuparme?

Un achado bastante frecuente durante a exploración dos animais é a aparición dun sopro. Un sopro é un son anormal relacionado co corazón, orixinado porque o sangue circula de xeito turbulento. Ás veces nos cachorros oímos sopros orixinados por corazóns normais (sopros pletóricos) e en ocasións aparecen en adultos porque o seu corazón está sometido a algún tipo de estrés (por exemplo, o sopro de esforzo). Pero como norma xeral temos que considerar que un sopro non é inocente se o cachorro ten máis de 16 semanas, se é continuo (pansistólico) ou se está orixinado na base do corazón.
Con todo, o sopro non é una enfermidade en si mismo, nin a súa intensidade ten por que ser directamente proporcional á gravidade da anomalía que o xere. Ora ben, un sopro que se fai máis intenso suxire que esa anomalía está evolucionando negativamente.
Sempre que topemos un sopro non inocente en Veterinario de Poio recomendaremos investigar que é o que o causa.
Nalgunhas ocasións as características do sopro son moi suxestivas dun determinado diagnóstico. É o caso por exemplo do chamado sopro en maquinaria, que lembra o ruído propio dunha máquina de vapor e que se presenta na parte anterior do peito, e que se asocia cunha anomalía conxénita denominada conduto arterioso persistente. Esta anomalía é importante detectala pronto, porque fai que a metade esquerda do corazón se dilate e non poida funcionar correctamente ata o punto de poder acabar coa vida do canciño en poucos meses. Se se opera con éxito a tempo, en cambio, o animal poderá levar unha vida normal.
Sen embargo, na maioría das ocasións, para poder facer un diagnóstico certeiro será necesario realizar unha ecocardiografía. Anomalías relativamente frecuentes coma a displasia da válvula tricúspide ou as estenoses pulmonar e aórtica só se poden diagnosticar e avaliar a súa importancia por este medio. Algunhas veces non causan unha alteración relevante e non é preciso realmente facer nada, outras precisan tratamento e nalgunhas ocasións necesitarán tratamento co tempo, cando o corpo xa non sexa quen de equilibrar por sí mesmo as consecuencias de ter unha válvula anómala (cando se convirten nunha cardiopatía descompensada).

Unha auscultación coidadosa é clave nas revisións de medicina preventiva, tanto nos cachorros coma nos adultos. Detectar as anomalías de maneira precoz, a ser posible antes de que se teñan convertido xa en enfermedades, frecuentemente permite manexalas de maneira que prolonguemos o tempo en que se conserve unha calidade de vida óptima. Este é o fundamento da medicina preventiva na que tanto creemos en Veterinario de Poio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario