`Queremos cuidar tus animales contigo´

xoves, 1 de decembro de 2016

A COMUNICACIÓN É A CLAVE

Seguro que hai moitas maneiras de facer as cousas ben; tanto como que a partir desta premisa, cada un vai ter o seu propio estilo.
En Veterinario de Poio temos unha maneira de facer as cousas que se apoia de maneira fundamental na comunicación e na colaboración entre os donos e os veterinarios. Nós explicamos polo miudo qué facemos, por qué o que facemos, qué alternativas de actuación temos e qué podemos razoablemente esperar. Intentamos así que os donos entendades qué sucede, cómo o afrontamos e que as decisións que se tomen sexan unha opción razoable e compartida.

Cando propoñemos a opción de suscribir un Plan de Saúde TeuVet facémolo pensando en cómo dar forma ó tipo de relación entre veterinario e propietario que buscades aqueles donos que, máis que "vir ó veterinario", o que queredes é "ter ó veterinario de man".
Coñecer moi ben cómo é cada canciño, cada gatiño, sérvenos para axudarvos todo o posible a que teña o máximo de benestar durante o máximo de tempo.
E con independencia do TeuVet, hai tempo que, aproveitando cando ven a unha consulta de medicina preventiva (por exemplo, unha vacinación), estamos dando a cada mascota a súa Carpeta da Medicina Preventiva, cunhas recomendacións xerais, un calendario tipo e unha documentación sobre das cuestións de saúde e de manexo da súa mascota acerca dos cales creemos que todo propietario debe ter unha información elemental.

Entendemos que así, traballando conxuntamente, as cousas van funcionar doutra maneira moito máis favorable. E de feito, ímonos entender mellor con aquelas persoas que empatizades con esta maneira de facer, por máis que a quen non interaccione connosco así tamén o vaiamos atender de mil amores.

E non imaxinades ata que punto nos descorazona atender animaliños que veñen máis tarde e/ou máis mal do debido, ou cos cales se teñen probado solucións inadecuadas ou directamente absurdas, e aínda nos descorazona máis cando nos quedamos ca convicción de que as cousas non saíron todo o ben que poderían ter ido se se tivese actuado antes e/ou mellor.

Recordo un caso: un can que o trouxeron porque levaba 13 días 13 eliminando pus polo pene; que durante ese tempo o medicaran en plan caseiro con antibiótico e antiinflamatorio de persoas; a quen lle diagnosticamos por ecografía un absceso de notable tamaño en próstata e a quen, como as probas que lle fixemos nos indicaban que estaba estable, mandamos para casa cun antibiótico moito máis adecuado, á espera do resultado dun cultivo. E que resultou que cando ó día seguinte chamamos para dar o resultado do cultivo, nos dixeron que pola noite primeiro vomitara e despois morrera...
O máis probable é que aquel absceso simplemente rompeu, liberándose pus dentro do corpo con ese desastroso resultado... pero, por máis que nós fixeramos cabalmente o noso traballo, tamén creemos que as cousas non tiñan que ter sido así e nos causa un profundo pesar.
Por eso nos esforzamos en que calquera propietario sexa consciente, por exemplo, de que cando algo supura persistentemente non se pode demorar levalo a consultar; ou de que os antibióticos só deben usarse baixo criterio facultativo, ou tamén de que os antiinflamatorios de humana non se poden usar nunca nos cans e gatos, porque os terminan intoxicando (salvo algúns moi determinados e a dosis moi controladas por un veterinario ... o cal non era o caso); e tamén creemos que os propietarios teñen que ser capaces de identificar signos alarmantes e nese caso chamar a un teléfono de urxencias.

Como propietarios, tamén temos unha cota de responsabilidade, e en Veterinario de Poio estamos sempre convosco para que o voso rol de donos o fagades ben. Se todos, vós e nós, o facemos ben, non imos quedarnos ca sensación de que perdemos algunha vida que non deberiamos ter perdido. Podedes estar seguros de que, tamén para nós, é unha sensación devastadora.

Ningún comentario:

Publicar un comentario