`Queremos cuidar tus animales contigo´

martes, 30 de decembro de 2014

Os nosos propósitos para 2015

Para Veterinario de Poio 2014 foi un ano de cambios. Temos vocación de formar un equipo estable, que este ano quixemos enriquecer incorporando un auxiliar. Agradecemos a súa dedicación a Melisa e a Gregoria, por máis que finalmente a persoa cunhas aptitudes que mellor se nos axustaron fose Nuria. Tamén queremos ter un recoñecemento especial para Silvia, a veterinaria que nos veu axudar un tempo cando marchou Alicia. Non teño verbas para expresar a gratitude que sentimos por todo o que nos aportou esta estupenda profesional. Por máis que o sintamos profundamente, tamén comprendemos esa súa decisión de deixar neste intre de exercer, porque demasiado ben sabemos que este traballo é tanto técnica como emocionalmente moi esixente, e non se pode pedir máis implicación que a que Alicia demostrou. Desexámoslle a ela e a tódalas compañeiras anteditas o mellor. 
A ausencia dun membro nuclear do equipo obrigounos a reorganizar por completo o funcionamento interno de Veterinario de Poio. Estamos esforzándonos en aproveitar a ocasión para revisar e mellorar as nosas lóxicas de funcionamento. Somos conscientes de que tardaremos un tempo en conseguir asimilar os cambios e funcionar dunha maneira tan fluída coma antes, e pedimos disculpas polos fallos que poidamos ter durante esta transición. Agora, por exemplo, de cara a 2015 veredes como imos modificar sustancialmente a maneira de comunicar a trascendencia da medicina preventiva. Pero tal vez o cambio máis importante será a creación xunto co Centro Veterinario Darwin dun turno de urxencias. En Pontevedra e contorno non hai un hospital veterinario nin unha clínica que abra unicamente para emerxencias (como en Vigo), de xeito que a solución lóxica para atendelas sen agotar aos profesionais encargados é turnarse. Confiamos en que esta colaboración, que se fará con comunicación permanente entre as clínicas, supoña a un tempo unha mellora na prestación dos servizos fóra de horario e na calidade de vida d@s veterinari@s (porque esto para algúns de nós chega a ser un auténtico problema).
En Veterinario de Poio creemos na colaboración entre centros, de xeito que permita, ademais, que cada un desenvolva algunha(s) especialidade(s) e así aumentar a calidade dos servizos que se ofrezan en conxunto. Frecuentemente facemos accións para mellorar a nosa formación (destacar as 4 estancias en centros de referencia durante o último ano), pero non somos superhomes, capaces de prestar unha atención ao nivel que nos gustaría (especialista) en moitas áreas médicas. Agora ben, axudándonos entre colegas de maneira intelixente, dentro dos equipos de cada clínica e entre centros, creo que nos poderemos aproximar cada vez máis a cumplir a nosa vocación como máis nos gustaría, en beneficio sempre das persoas non humanas das nosas familias.
 
Feliz 2015 a todos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario