Nos últimos tempos empezaron a difundirse en España varios antiparasitarios novos que abren novas posibilidades de elección. Hai que destacar que cada vez hai máis produtos para que tomen, que non perden eficacia con baños ou molladuras (a contrapartida é que é preciso que o parasito pique para que se intoxique). Queremos facervos unha escolma dos máis interesantes disponible actualmente, para axudarvos a elixir o ideal en función de que tipo de parasitos pretendemos controlar:
¿pulgas?
Espinosad (nome comercial: Comfortis): antiparasitario en pastillas que -tendo en conta que só elimina as pulgas- non é barato e que ás veces os cans/gatos vomitan, botándose así a perder alguna das pastillas, pero que é seguro, moi rápido e tremendamente eficaz. Pode darse desde as 14 semanas de idade e o efecto dura un mes.
Indoxacarb (Activyl): alternativa en pipeta que está mostrando unha eficacia bastante satisfactoria. Ten a vantaxe de que o principio activo só se convirte nun insecticida unha vez a pulga a come, e que polo tanto os donos non temos contacto con ningunha molécula con potencial tóxico. De todas formas, non se pode dar a xestantes nin a lactantes. Pode usarse desde as 8 semanas de vida. Existe unha versión que tamén pretende eliminar carrachos (Activyl Plus), pero neste aspecto non é un produto punteiro.
¿carrachos?¿carrachos e mosquitos?
Amitraz e Permetrina: existen colares con estas moléculas que son eficaces contra os carrachos ata 4 meses. Os de permetrina tamén teñen certa eficacia contra pulgas e insectos voadores. Usan moléculas cun potencial tóxico bastante significativo (prohibidas para gatos!), motivo polo cal non son a nosa primeira recomendación.
Deltametrina: o colar Scalibor pode usarse en cans de máis de 7 semanas e elimina os carrachos durante 6 meses e tamén repele os mosquitos que poden contaxiar a leishmaniase durante os 4 primeiros. Aínda que promete efecto antipulgas, non debemos esperar un gran resultado contra elas. Pode facer reaccións na pel e co tempo o colar toma un aspecto feo. Non debe mollarse en exceso e existe o risco de perdelo. Debemos lavarnos sempre tras manipulalo.
¿pulgas e carrachos?
Afoxolaner (NexGard) presentado coma unha lambetada masticable, fai efecto 5 semanas contra pulgas e 4 contra carrachos. Ben tolerado (desde as 8 semanas), moi eficaz e ao mesmo prezo dunha boa pipeta. Só existe para cans. Ideal para aqueles que se bañan frecuentemente.
Fipronilo: produto en esprai ou pipeta moi difundido e do cal existen xenéricos a prezos moi accesibles. Con todo, nós recomendamos a presentación Frontline Combo, no cal se combina con Metopreno, que fai efecto sobre as crías das pulgas, o cal o fai máis efectivo, en especial evitando que chegue a haber picadelas de pulgas nos humanos. É tóxico para os coellos e nalgúns casos parece haber merma na súa efectividade. Non se poden permitir baños durante os dous días seguintes á aplicación (perda de eficacia e potencial contaminante das augas).
Fluralaner (Bravecto): comparte as virtudes do afoxolaner, ca diferencia de que o efecto dura 12 semanas (salvo contra unha das especies de carracho, para a cal son 8). Agora, tamén o seu custe é xustamente o triple. Ten a virtude de que podemos sincronizar as desparasitacións internas e externas cada 3 meses.
¿pulgas, carrachos e mosquitos?
Imidacloprid: existe en pipetas (coma a Advantix, combinado con permetrina) e en colares (Seresto, combinado con flumetrina). As pipetas poden usarse desde as 8 semanas de vida e o efecto dura 4 semanas. Nalgúns casos aparece unha leve afectación transitoria, con incoordinación. Os colares duran 7-8 meses e son unha excelente alternativa, pois son eficaces e o seu coste por mes é inferior incluso ao da maioría das pipetas xenéricas de fipronilo. O seu uso contra os mosquitos que contaxian a leishmania é obxecto de controversia. Ten os inconvintes de tódolos colares: non deben mollarse en exceso e poden perderse.
¿pulgas, carrachos, mosquitos e moscas?
Dinotefuran+Piriproxifeno+Permetrina: A novidosa pipeta Vectra é o produto máis completo do mercado e parece ter boa tolerancia (pode usarse desde as 7 semanas de vida), se ben algunha vez irrita levemente a pel e non se recomenda a animais reprodutores. En canto á súa grande avantaxe, o control das moscas, percibimos división de opinións. Se o resultado non é totalmente satisfactorio, existen repelentes e tamén alternativas basadas en derivados da piretrina (por exemplo, a pipeta ExSpot) que poden ser máis eficaces, pero o certo é que en ocasións o problema das moscas parece resistente a case calquera tratamento. Un mes de eficacia.
¿desparasitación externa e interna a un tempo?
Espinosad+milbemicina (Trifexis): produto en pastilla que elimina pulgas e moitos tipos de parasitos internos, que se pode dar a cans de máis de 14 semanas. É eficaz, pero como non elimina nin os carrachos nin as tenias, ten un interese limitado.
Fipronilo+metopreno+eprinomectina+prazicuantel: a pipeta Broadline pode usarse en gatos de máis de 7 semanas e elimina tódolos tipos de parasitos externos e internos relevantes. Doado de usar e cun custe apenas superior ao dunha boa pipeta, a priori é unha alternativa excelente, pero a súa eficacia eliminando pulgas non parece ser sempre tan boa coma a das pipetas que teñen unicamente fipronilo e metopreno (Frontline Combo). Unicamente non debe darse a xestantes ou lactantes (seguridade non demostrada).
Imidacloprid+moxidectina: a pipeta Advocate pode usarse en cachorros desde as 7 semanas e gatiños desde as 9 nove, e elimina as pulgas, moitos parasitos internos e algúns tipos de ácaros dos ouvidos e da pel. Non actúa contra carrachos nin tenias, pero é interesante, sobre todo, para cando queremos tratar tamén contra ácaros.
Selamectina: A pipeta Stronghold é eficaz contra as pulgas e tamén elimina a maioría dos parasitos internos (se ben non tenias nin carrachos, o cal é unha limitación significativa no caso dos cans). Pode usarse desde as 6 semanas de vida e o seu efecto dura un mes. Parécenos máis interesante para os gatos ou cando queremos tamén previr a filaria (ten efecto contra as larvas do verme do corazón) e non queremos realizar un test ou un tratamento previo contra os adultos (é o único produto que podemos usar sen facer esto primeiro). Afortunadamente, na nosa zona non está habendo presenza de filarias.
Ningún comentario:
Publicar un comentario