`Queremos cuidar tus animales contigo´

domingo, 14 de setembro de 2014

Cómo facer para que os teus gatos visiten o veterinario sen estrés

Levar os gatos ao veterinario é algo que debe facerse con especial delicadeza, para que non se convirta nun trance difícil para todos (gatos, donos e veterinarios). Por esto facilitamos estas orientacións sobre como facelo de xeito que lles resulte o menos estresante posible.

O ideal é que os gatiños visiten o veterinario por vez primeira cando son inda noviños, e que esta visita non implique brusquedades nin accións que poidan resultar dorosas. Se é así, probablemente o gato se comporte dunha maneira comedida nas sucesivas visitas.
 
Se a primeira visita é xa de grande e, sobre todo, se non está afeito ao contacto con descoñecidos (en particular, a que o collan), é probable que se sinta abraiado e acurralado nun entorno descoñecido, e que reaccione en consecuencia, con intentos de fuga, bufidos, rabuñazos ... Para evitar que esto suceda, debemos seguir toda unha estratexia para intentar convertir a visita ao veterinario en algo que lle resulte tolerable. Recomendamos seguir estas pautas:
1- Tódolos gatos deben levarse nunha caixa de transporte. O risco de fuga se o levamos no colo, por confiado que sexa normalmente, é claro.
O gato debe asociar esta caixa cun refuxio onde se sinta cómodo e protexido. Se só a usamos para levalo ao veterinario, non lle resultará precisamente un sitio simpático. O ideal é que forme parte do seu entorno desde sempre, e que o use como un dos seus lugares de descanso. Sendo así, non debe ser complicado conseguir que entre. En caso contrario...
 
 
 
2-Aos desprazamentos tamén debemos habitualos, a ser posible desde pequeniños. Lembrar que, fóra do seu terreo, a maioría dos gatos pasan medo cando se lles aproximan persoas descoñecidas ou animais. Tapar a caixa cunha toalla (ou funda a propósito) e levala nunha posición alta poden ser medidas que lles axuden. Tamén debemos evitar estímulos alarmantes, especialmente ruídos altos ou estridentes.

Se levamos ao noso micho no coche de vez en cando, simplemente dando un paseo, irá afacéndose á experiencia e tamén se evitará que lle xere medo e mareo. A este respecto, convén nas primeiras ocasións retirarlle a comida -non a auga-cunha antelación de 6 horas. Dentro do auto, a caixa debe ir nun lugar estable.
O uso dun pulverizador de feromonas (Feliway) tanto no transportin-dúas pulverizacións no teito e dúas na base, dirixidas ás esquinas- coma no auto (esperando a que se evapore o excipiente alcoólico antes de introducir o micho)- pode ser unha axuda importante para que o feito de metelo na caixa e levalo nun coche non o amedrente.
 

3-Xa na visita veterinaria, na saliña de espera, polos mesmos motivos, debemos evitar que poidan achegarse a el descoñecidos (persoas ou animais, sobre todo cans). O ideal é esperar nun entorno tranquilo e a ser posible colocalo nunha plataforma sobreelevada, coma a que temos na sala de espera de Veterinario de Poio, pois nun plano superior vaise sentir moito menos vulnerable. Lembrar que tamén podemos cubrir a súa caixa cunha toalla ou funda.
 
 
 4- Unha vez na consulta, os propietarios deben manterse tranquilos, porque así transmitirán tranquilidade ao seu animal. Normalmente será axeitado que colaboren no manexo, seguindo as indicacións do veterinario. Quedar en mans dun descoñecido vaille ser máis intimidante que se o seu dono tamén participa na súa manipulación. Debemos intentar que saia da caixa por propia iniciativa, e se non é así desmontar o transportín. O importante é conseguir que non se atemorice, porque nese caso o veterinario terá que recorrer a métodos como cubrilo cunha toalla e/ou practicar suxeccións estresantes ou incluso administrarlle sedantes. Claro que cando se chegan a usar estas técnicas "represivas", podemos dar por descontado que a seguinte visita tampouco vai ser moi amigable. Por eso, convén familiarizar con suavidade a tódolos gatos, a ser posible de gatiños, coas súas visitas médicas. Polo seu propio beneficio.

Unha derradeira indicación: se o gatiño pasou medo, a súa caixa de transporte quedará impregnada de feromonas de alarma. Tras o seu uso, convirá lavala e, se queda de novo no entorno do gato, é oportuno pulverizala outravolta con feromonas faciais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario