`Queremos cuidar tus animales contigo´

martes, 17 de outubro de 2017

Nova Lei 4/2017 de protección e benestar dos animais de compañia en Galicia

O día 11 de Outono publicouse no DOG esta nova lexislación, que durante o seu trámite foi bastante polémica, e que nos compete a todos aqueles que temos animais de compañía, somos voluntarios en asociacións de protección dos animais ou temos un desempeño profesional relacionado con eles.
Pasamos a comentarvos as cousas máis interesantes que nos trae esta lei:


Queda prohibida a compra, venda, cesión ou adopción ambulante de animais de compañía; e non se poderán exhibir animais de maneira que se poidan ver desde a vía pública a modo de reclamo comercial.

A cría con fins comerciais só poderá efectuarse en establecementos debidamente rexistrados. O rexistro chámase agora Reganuz e os centros rexistrados deben exhibir en lugar visible o seu número de rexistro, así como facelo constar na súa publicidade en calquera tipo de medio.

As crías de cans e gatos non poderán separarse das nais antes das 10 semanas de vida.

Prohíbese que os menores de 16 anos adquiran animais de compañía. Tamén se prohibe regalar animais compo gratificación.

A tenza de máis de 5 cans de máis de 3 meses nun recinto ou vivenda privada deberá comunicarse previamente á administración. Se dedicamos os cans a unha actividade deportiva, ter máis de 10 maiores de 3 meses obriga a rexistrarse como canceira deportiva, salvo no caso dos cans de caza, para o cal son a partir de 15.

É obrigatorio identificar a tódolos cans nos primeiros tres meses de vida e, en todo caso, antes do primeiro cambio de propiedade. Para o resto dos animais de compañía a identificación é voluntaria.
Cando se produza un cambio de propiedade, debe comunicarse nun prazo de 10 días.

En canto ós animais potencialmente perigosos, para poder posuilos debe solicitarse licenza municipal e contratar un seguro de responsabilidade civil. Unha vez se teña a licenza, deben darse de alta os animais nun prazo de 15 días.

Entre as obrigas dos propietarios, ademais de alimentación, aloxamento, coidados e hixiene, inclúese someter os animais a revisións veterinarias co fin de garantir un bo estado sanitario.

Prohíbese realizar mutilacións co fin de seguir un patrón estético determinado para unha raza.
Tamén se prohíbe o abandono e o maltrato, incluíndo entre os maltratos o telos atados a maior parte do tempo e o emprego de colares educativos que producen descargas eléctricas.

Os cans que transiten por lugares públicos deberán ir provistos de correa ou colar ou outro elemento de contención, ca excepción de lugares acondiconados para levalos ceibos ou dos camiños rurais sempre que non orixine ningún dano, molestia ou risco.
Os cans potencialmente perigosos deberán ir nos lugares públicos atados cunha correa non extensible de menos de 2 metros e provistos de buceira.

É obrigatorio recoller os excrementos depositados en espazos públicos e tamén evitar a reproducción incontrolada dos animais.

Queda prohibido alimentar animais vagabundos ou extraviados, salvo situacións puntuais (compromiso para o benestar do animal) ou o caso de autorización municipal (colonias felinas controladas polos concellos).

Os Concellos poderán establecer lugares destinados a colonias felinas controladas como posible destino dos gatos sen propietario que viven na rúa. Tódolos gatos integrantes destas colonias deberán ser capturados para a súa marcaxe, esterilización e control sanitario. Serán identificados a nome do Concello.

A recollida dos animais domésticos vagabundos ou extraviados corresponde ós Concellos, que os albergarán en centros de acollida rexistrados para que sexan retirados polos seus propietarios ou se lles dea outro destino, preferentemente a adopción.
Os Concellos tamén poderán recoller animais por solicitude de propietarios que xustifiquen a imposibilidade da súa tenza responsable.

Excepcionalmente, os cidadáns poderán recoller de xeito desinteresado un animal vagabundo ou extraviado que porán á disposición do centro de acollida autorizado que a autoridade determine.

Cando un animal entre nun centro de acollida, se está identificado, o centro comunicará antes de 48 horas á persoa propietaria.
Se o animal non é retirado en 2 días, notificaráselle que ten un prazo de 10 días naturais para recuperar o animal, debendo satisfacer os gastos orixinados pola recollida, estancia e honorarios veterinarios.
Se ainda así o propietario non ven buscar o animal, o animal pasará a considerarse abandonado e abrirase ó propietario un procedemento sancionador. As asociacións de protección e defensa dos animais teñen a obriga de denunciar os feitos constitutivos de infracción administrativa.

No caso de animais non indentificados, se ninguén os reclama en 10 días, pasarán a considerarse abandonados. En calquera caso, para sairen do centro de acollida, serán identificados e as persoas que os reclamen deberán abonar o importe da indentificación.

As adopcións de animais realizaranse sempre por medio de centros autorizados, e os animais deben ser declarados aptos para a adopción polo veterinario responsable, que se asegurará de que vaia identificado, vacinado, desparasitado e esterilizado.
A adopción deberá ser gratuíta, pero os centros poderán repercutirlle ó adoptante os gastos dos tratamentos subministrados, a esterilización e a identificación.

Volvendo ós animais potencialmente perigosos, se hai un episodio de agresión o animal deberá ser recoñecido por un veterinario 2 veces durante os 15 días seguintes ó episodio. O veterinario emitirá un informe no que conste se o animal presenta signos ou non dalgunha doenza infecto-contaxiosa, e en caso positivo comunicarao ás autoridades competentes.

As autoridades administrativas ou xudiciais poden impor a esterilización dos animais potencialmente perigosos. En calquera caso, no caso de que se realice, debe comunicarse no prazo de 3 días ó rexistro Regiac (adxuntando certificado veterinario).
Tamén se deberán esterilizar obrigatoriamente os cans de asistencia, os que se manteñan en polígonos industriais ou obras.

En caso de extravío ou morte dun animal rexistrado en Regiac, debe comunicarse o feito no prazo de 3 días.

A eutanasia de animais, definida coma a morte provocada deliberadamente, será sempre prescrita e efectuada por un facultativo veterinario de maneira que provoque o mínimo sufrimento, podendo motivarse por: evitar sufrimento grave e irremediable, afección grave, ou ben razóns motivadas de sanidade animal, saúde pública, de seguridade das persoas ou ambientais. Non se poderá dar morte ós animais acollidos en centros de recollida ou fogares de acollida, salvo polos motivos previamente especificados, que o veterinario deberá motivar por escrito.

A administración dará divulgación ó contido desta regulación, fomentando activamente a tenza responsable, a identificación, a prevención da reproducción incontrolada e os abandonos, podendo apoiarse naquelas asociacións que sexan declaradas entidades colaboradoras. Os importes obtidos das sancións que se apliquen serán destinados a este tipo de medidas.

Esta nova lei entra en vigor despois de 3 meses, esto é, no mes de xaneiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario