`Queremos cuidar tus animales contigo´

xoves, 4 de maio de 2017

A INSUFICIENCIA RENAL CRÓNICA

Conseguir conservar no mellor estado posible os riles, que son o principal órgano depurador do organismo, é un dos aspectos máis importantes na medicina preventiva dos cans e gatos de idade avanzada. 
Porque son moitas as mascotas que experimentan unha diminución da súa función renal na segunda metade da súa vida. Como consecuencia, perden capacidade de eliminar toxinas e incluso de compensar axeitadamente a cantidade de minerais e de líquido no seu corpo.
As causas poden ser moitas, pero podemos destacar o papel dun corazón que xa non bombee de xeito competente, o dunha nutrición inadecuada ao longo do tempo ou o dalgunhas infeccións que poden incluso pasar desapercibidas ou estar curadas hai tempo (teñen especial importancia a este respecto aquelas causadas por protozoos, coma a ehrlichiose, a leishmaniose, a piroplasmose...).

É por esto recomendable chequear a función renal de maneira preventiva. Podemos empezar cando nos acercamos á madurez, pero conseguiremos un mellor coñecemento e control da saúde renal da nosa mascota facendo controles regularmente desde nova.

Dentro dos parámetros que podemos valorar para coñecer o estado de saúde dos riles o considerado máis importante é a valoración do nivel de creatinina no soro sanguíneo. Aínda que existen marcadores máis sensibles de dano renal, en Veterinario de Poio entendemos que, como norma xeral, mentres os valores de creatinina permanezan baixos, podemos estar razoablemente tranquilos. Se o nivel é dubidoso ou directamente elevado recomendaremos investigar máis.

A outra primeira proba de chequeo que recomendamos é comprobar o nivel de proteínas nos ouriños. Moitos dos problemas renais significativos causan que se perdan proteínas nos pises (cousa que pode chegar a ser debilitante). Se aparecesen, toca avaliar o cociente proteína/creatinina. Se é baixo, tranquilos polo momento; se é intermedio (0,2-0,4), vixiantes; máis de 0,4 implica unha proteinuria con significado patolóxico, e deberiamos facer unha avaliación analítica completa e deseñar unha estratexia para intentar que eses riles renqueneantes sigan sendo quen de cumprir a súa importante misión, alongando así o tempo en que a nosa mascota poida desfrutar dunha vida en plenitude.

No caso dos gatos maiores, chegados aquí faise obrigado controlarlles a tensión. A hipertensión non controlada é unha silandeira fonte de problemas, e unha alta proporción dos gatos con doenza renal crónica son hipertensos. Publícase que ata o 35% dos gatos xerontes teñen doenza renal crónica.

En moitos casos insuficientemente controlados sucede retención de fósforo, algo que causa unha alteración dos niveis de calcio que provoca o hiperparatiroidismo secundario. Isto pode levar a outras complicacións indesexables, tales coma a calcificación renal ou a osteodistrofia...

Así as cousas, se confirmamos efectivamente que nolas vemos cunha doenza renal crónica, recomendaremos facer un seguimento particularizado de cada caso. Non temos que esperar recobrar a plena funcionalidade, pero normalmente poderemos retardar a aparición de complicacións e dos signos clínicos.

Estes son os principais instrumentos de control dos cales dispomos:

1- dieta que xere o mínimo esforzo renal (restrinxida en proteína, sodio e fósforo; enriquecida con acedos graxos omega-3, fibra e vitamina D...). É preferible facer un cambio gradual. Debemos controlar ademais que o estado nutricional se mantén.

2- correxir as descompensacións: pode ser necesario administrar quelantes do fósforo (se o valor deste elemento se eleva en exceso); sales de potasio (se o valor deste elemento descende en exceso); fluidoterapia en caso de deshidratación...

3- e en caso de proteinuria ou hipertensión, prescribir a medicación adecuada para o seu control.

Ningún comentario:

Publicar un comentario